Saturday 18 de May de 2024

A Pobra celebra o Día da Diversidade Sexual


O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da súa Área da Igualdade, súmase un ano máis á campaña Liberdade de ser e sentir!, impulsada dende Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo do Día da Diversidade Sexual, no 28 de xuño.

A dita campaña busca sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

Entre a programación artellada para este 2021, no caso concreto da Pobra, figura a proxección de Noite irisada, un proxecto audiovisual que recoñece, a través das voces protagonistas, a loita polos dereitos de gais e lesbianas en Galicia. Será neste sábado 26, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma.

Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se require a inscrición previa mediante o teléfono de contacto 671090262.

A maiores, a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e o seu homólogo da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), achegáronse ata os Xardíns de Valle-Inclán para explicar que o Concello tamén procedeu coa colocación, onda a fonte, dun banco pintado coas cores do arco da vella, ademais de colgar pancartas e bandeiras en instalacións municipais do Concello como, por exemplo, o consistorio. Tamén se repartirán obxectos conmemorativos de uso cotián para contribuír a que a visibilidade do colectivo non se limite a unha única xornada. Así mesmo, a edil da Igualdade e mailo edil da Mocidade gabaron a iniciativa posta en marcha por parte da hostalaría da localidade consistente na colocación da bandeira nos seus establecementos, á cal se sumaron comercios e outros locais do sector dos servizos.